Friday 03 de May de 2024

Brión aproba os Orzamentos de 2017, que medran un 13% ata os 6,1 millóns e aumentan as partidas para servizos sociais e obras


García asegura que son uns orzamentos “cun importante contido social que os converte nun instrumento de progreso e igualdade”

O pleno municipal de Brión aprobou esta mañá en sesión ordinaria os Orzamentos Municipais para 2017, que medran un 13% con respecto aos de 2016 e ascenden ata os 6.161.000 euros. Uns orzamentos que foron aprobados cos 11 votos a favor do PSOE e do BNG; a abstención do BNG e o voto en contra do concelleiro non adscrito.

O alcalde, José Luís García, explicou que “son os mellores que se poden facer nestes tempos, cun importante contido social que os converte nun instrumento de progreso e de igualdade”. Neste sentido, García salientou que “os maiores incrementos se producen en partidas de contido social. Así, as achegas para Servizos Sociais medran un 15% e tamén medran as partidas para educación, cultura e deportes porque, a pesar da crise económica, non podemos permitir que se destrúa o estado de benestar que conseguimos para os nosos veciños e veciñas”.

O alcalde brionés tamén salientou que o capítulo de investimentos medra en case 50.000 euros ata os 692.738 euros, a pesar de que xa non se contemplan neste capítulo as obras que realiza o Concello de Brión a través da súa cuadrilla municipal. No capítulo de ingresos, que medran un 11%, xustifícase pola revisión dos valores catastrais realizada pola Dirección Xeral do Catastro e por unha maior achega por parte da Deputación Provincial da Coruña.

Cambio na Intervención

Durante o debate, García evitou ofrecer moitos datos en comparación cos orzamentos anteriores debido a que este ano a súa elaboración rexeuse por novos criterios achegados polo novo Interventor Municipal. Isto provocou que moitas das partidas cambiasen de capítulo como, por exemplo, os gastos correspondentes aos subministros das obras a realizar polo Concello de Brión a través da súa cuadrilla de obras: en anteriores orzamentos figuraban como investimentos (Capítulo VI) e agora pasan a considerarse como gastos en bens correntes e servizos (Capítulo II).

De feito, esta foi a principal queixa trasladada por todos os grupos da oposición, que botaron en falta a presenza “dunha memoria explicativa anexa para entender a onde van as partidas polos cambios técnicos”, explicou o voceiro municipal do PP, David García Arcos. O voceiro do BNG e o concelleiro non adscrito tamén botaron en falla máis tempo para analizar estes cambios. García lembrou que a documentación se entregou en tempo e que se non se ofreceu máis foi por cumprir coa normativa, lembrando as críticas recibidas o ano pasado por non ter aprobado os orzamentos na sesión plenaria de decembro. Ademais, recordou que “debemos ser o único Concello que enviamos toda a documentación dos orzamentos á oposición, non só a legalmente esixida”.

Oposición

O voceiro do Partido Popular, David García Arcos, xustificou o voto favorable da súa formación en que “o orzamento é tecnicamente correcto, cumpre coa regra de gasto e estabilidade orzamentaria” e indicou que “o ano pasado xa apoiamos os orzamentos e este ano non hai modificación que nos impidan manter a nosa coherencia e apoialos”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, José Luís Penas Corral, considerou que son “uns orzamentos aceptables. En materia social vexo aumentos, o que é de agradecer”, aínda que apuntou que “nós fariamos outro tipo de obras”. De todos modos, especificou que “o noso voto é de abstención, non en contra”.

Finalmente, o concelleiro non adscrito, Xesús Pena Espiña, reafirmouse nas mesmas críticas do orzamento de 2015, denunciando que o orzamento “está axustado a unhas normativas moi ríxidas, que nos impoñen dende fóra e invaden as competencias locais”. Ademais, fixo fincapé en que “está ben feito pero é unha proposta pechada do grupo de Goberno, non se contou coa oposición e por iso non ten sentido darlle un apoio ao documento”.

O alcalde brionés agradeceu o voto favorable do PP e a abstención do BNG, e respectou o voto negativo do concelleiro non adscrito, a quen lembrou que “estamos abertos a falar con quen queira falar, pero é evidente que estes son os orzamentos deste Grupo de Goberno, que conteñen un importante gasto social como esas máis de 1.000 horas para axuda a domicilio”.

Reinvestir o superávit

No que atinxe ao resto da orde do día, o pleno aprobou por unanimidade as actas da sesión anterior e un recoñecemento extraxudicial de crédito por 10.337,76 euros para abonar servizos prestados por unha empresa do sector eléctrico durante os anos 2012 e 2015. Tamén se deu conta de que o período medio de pago do 3º trimestre de 2016 foi de 11,83 días, 41 días por debaixo do legalmente establecido.

O grupo municipal socialista presentou a única moción da sesión, na que instaba ao Goberno Central a permitir o reinvestimento do superávit local, que a nivel nacional supera os 4.500 millóns de euros. No caso de Brión, José Luís García explicou que “o superávit é de 1,5 millóns de euros e o que queremos é que nos autoricen a usalo no que os veciños e veciñas de Brión o precisen”. O voceiro do PP, David García, apoiou a moción porque “é de sentido común. Se se cumpren todas as esixencias, é lóxico que se poda reinvestir no concello”.